Thursday 02 de May de 2024

A Xunta mantén as axudas destinadas á instalación de receptores TDT SAT


O goberno autonómico concedeu máis de 500 axudas que continuarán no 2015 nas zonas de interior de Lugo e Ourense

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Medios adxudicou o presente ano 2014 máis de 200 subvencións para a adquisición de equipamentos para a recepción da TDT a través do satélite, para familias sen cobertura que vivan nas zonas a revitalizar do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible en Galicia, no exercicio 2014, acadando un investimento subvencionado total de 59.795,67 euros.
A axuda foi tramitada directamente a través de empresas instaladoras de telecomunicacións autorizados, que colaboran coa Xunta de Galicia, realizando as xestións para os interesados. A subvención consiste no desconto na factura, por parte das empresas colaboradoras, de ata 300 € no material subministrado, incluído o IVE. Neste material inclúese todo o necesario para a recepción do servizo, antenas, cables, conectores e o receptor de TDT a través de satélite. O Plan de Desenvolvemento Rural Sostible é unha iniciativa coordinada pola Consellería de Medio Rural e do Mar, a través de Agader, co respaldo e a colaboración económica do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que aporta o 50% do financiamento deste proxecto. O outro 50 % é sufragado pola Xunta de Galicia, neste caso a través dos orzamentos da Secretaría Xeral de Medios. Para ter acceso a estas axudas é necesario que as familias que as soliciten non teñan acceso a Televisión Dixital Terrestre e que residan nos concellos do interior de Lugo e de Ourense clasificados de primeiro nivel dentro do PDRS.O servizo de TDT por satélite (Sat-TDT) é un servizo que permite disfrutar de xeito gratuíto das canles de TDT nas vivendas onde non chega o sinal terrestre ou o sinal non ten a calidade axeitada para a correcta recepción. Dentro desta iniciativa son subvencionables as novas instalacións do servizo de TDT a través de satélite, podéndose solicitar un máximo dun equipamento por usuario e vivenda. Ademais, co fin de non discriminar ás familias que xa teñan instalado pola súa conta un equipo para a recepción deste servizo, estas poderán solicitar subvención para un segundo receptor na súa vivenda.A Xunta prevé prorrogar este plan ata o ano 2015, o que suporá un investimento total de máis de 400.000 euros e beneficiará arredor de 900 familias de 78 concellos do interior das provincias de Lugo e de Ourense. En concreto, son 78 concellos do interior das provincias de Lugo e de Ourense os beneficiarios:

EXERCICIO ORZAMENTO INSTALACIÓNS OBSERVACIÓNS
2013 89.694,69 € 301 Executado
2014 59.795,67 € 201 Executado
2015 120.399,00 € 404 Previsto
TOTAL: 180.194,67 € 906

Inicio da Convocatoria:
O pasado ano, por Resolución da Secretaría Xeral de Medios, iniciouse o procedemento para a selección das entidades colaboradoras na xestión das subvencións para a adquisición e instalación de equipamentos de televisión dixital terrestre por satélite en vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia.
Entidades colaboradoras
Son, empresas instaladoras de telecomunicacións autorizadas para a instalación do servizo regulado de TDT por satélite, teñen como labor a promoción da adquisición, a participación na tramitación do procedemento nos termos previstos nas bases, a subministración e instalación do equipamento indicado, actuando como canle entre os beneficiarios das accións subvencionables e a Secretaría Xeral de Medios, procedemento que se realiza exclusivamente por medios telemáticos. Para os efectos da tramitación do procedemento, a colaboración de ditas entidades comprende a de presentación, en representación dos interesados, das solicitudes de axuda por medios telemáticos, cubrindo e enviando os formularios normalizados de solicitude xunto coa documentación complementaria que sexa requirida, así como realizar os trámites necesarios para executar, xustificar e certificar a realización das actuacións subvencionables. Aínda que só se subvenciona o equipamento e non a man de obra da instalación, a empresa colaboradora deberá realizar a instalación e tramitar a activación do servizo, deixándoo plenamente operativo.
Equipamento
Consiste, no caso dunha instalación completa, en antena parabólica de recepción cos seus complementos, cableado, toma de usuario e receptor de TDT por satélite capaz de recibir as canles da televisión dixital terrestre, tanto a Televisión de Galicia como tódalas de ámbito nacional, privadas e públicas.
O 28 de maio de 2013 publicouse a Resolución da Secretaría Xeral de Medios pola que se daba publicidade á relación de entidades que obtiveron a calidade de entidade colaboradora na xestión das subvencións para a adquisición e instalación de equipamentos de televisión dixital terrestre mediante recepción satelital en vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia (procedemento administrativo PR527A), resultando inicialmente 19 empresas colaboradoras seleccionadas. Na actualidade son 20 as empresas colaboradoras, debido a incorporación posterior dunha nova empresa, xa que para facilitar unha maior competencia e de atención aos interesados, este proceso queda aberto a incorporación de novas entidades colaboradoras que cumpran cos requisitos da convocatoria.

A convocatoria oficial das axudas e a apertura do prazo realizouse o pasado 29 de abril de 2014, a través da publicación no Diario Oficial de Galicia da Resolución da Secretaría Xeral de Medios pola que se convocan, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións dirixidas a familias para a adquisición de equipamentos de televisión dixital terrestre mediante recepción satelital en vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia para o ano 2014. Toda a información deste proceso está publicada no enderezo de Internet http://medios.xunta.es, a través dos teléfonos da habilitados ao efecto da Secretaría Xeral de Medios, 981 54 42 34, así como o enderezo de correo electrónico xestión.sxm@xunta.es.